jueves, 24 de octubre de 2019

DA TÚA ESTADÍA NO NORTE

Marchaches un outono
alí onde vai tanto frío
que a soedade berra co medo
e xuntos conxelan o mar.

Atravesas chairas
nas que o tren é un foraxido
e as altaneiras casetas de madeira
nin te saúdan.

Rúas espidas de xente,
o canso gris no ceo,
nos edificios calados,
contaminando os días
que non fuxen do reloxo,
e fame de luz
entre as tellas da morriña,
de apertas,
e de camiños coñecidos.

viernes, 21 de septiembre de 2018

BALBORDO NO PAMPÍN


Os testos, as potas,
brúan na prancha da cociña,
a liorta está servida.
Escolle garfo
ou arma branca,
e rilla contra a fame,
na carta ou no menú,
isto si que é felicidade.

Molla
e encharca ben o pan,
coma se fose
este o derradeiro xantar.
Porque voltarán,
voltarán as tempadas,
pero ¿Quén sabe?,
se as capturas serán peores,
se os xabaríns seguirán sabendo,
se o galo de Mos
escapará do coitelo,
se a cabra chegará a vella,
se pasará o escabeche polo xurelo,
se a raia será a meunière,
se o xamón asado será bocadillo,
ou se os voadores terán o seu guiso.

martes, 28 de febrero de 2017

APRESADO

Vexo avellentarse as casas,
máis do que o fan as persoas,
e cambiar a paisaxe,
máis a presa que as estacións.

E teño a obriga sustentable
do sorriso,
para non caer,
nunha longa pena insuperable.

Os copos de neve,
asemellan vágoas,
caendo,
dun ceo que berra
un silencio amortecido.

Fai tempo,
parecía máis sinxelo,
fuxir,
deste encoro esbaradío.


lunes, 9 de mayo de 2016

COMEZO CONTINUO


Abrín a fiestra,
e as portas,
e a disposición de abrir,
abríndose así a mente,
as direccións,
as estradas sen fin,
e crín que todo
encomezaba de novo,
e nese encomezar,
quedei atorado,
comezando,
encomezando,
comezando,
ata bater,
coa inmobilidade
do comezo continuo.

viernes, 29 de abril de 2016

QUE VEN A PRIMA VERA


Teño novas,
despois de tanta espera,
disque ven a prima,
unha tempada de visita,
disque ven a prima Vera,
que ven de visitala Arxentina,
disque ven cruzando o mar,
nun barco xigante,
tirado polas chuponas,
que capturou cando volvían do Sargazos.

Disque trae con ela,
sementes boas para a colleita,
disque ven todos os anos,
para abrir o ceo e traer os paxaros,
seica de polisón a bordo,
tamén ven Cupido,
e que nadie o pode ver,
a pesar de non estar escondido.

jueves, 21 de abril de 2016

NOITE DE PRIMAVERA

Embéxanme hoxe,
tódalas persoas que me ollan,
coa miña mirada brincadeira,
e co meu fermoso sorriso aberto,
reparto pétalos de flores,
que con relucentes cores
visten de luz as caras dos peóns.

Troquei o longo sono da desesperanza,
polo ánimo esperto do debezo,
e alistado nas miñas ringleiras,
zorrega o sol,
e as estrelas da noite lumieiras,
coas que converso,
na inmensidade espectral da soidade,
e coas que entre leria e leria, confeso,
que unha noite de primavera cuspidiña a esta,
co bico enfeitizado dunha fada,
sí, … soñei, soñei que me namoraba.

lunes, 21 de marzo de 2016

TRAXE DE POETA


Quería desfrutar de ti,
bailar ao son das bolboretas,
estudar o reflexo azul
que o ceo lle da á mar,
cando esta verdea,
peitear coa man,
o frescor que ateiga a herba.
Cantarexar nas terrazas das cafetas,
como as pombas nos balcóns cantarexan.

Pero aborrecécheste de min,
da mediocridade dos meus versos,
e as nubes brancas,
trocáronse a negras,
empapando sen pudor,
o meu fráxil traxe de poeta,
empapando con él tamén,
as apoucadas follas da miña libreta.