jueves, 24 de octubre de 2019

DA TÚA ESTADÍA NO NORTE

Marchaches un outono
alí onde vai tanto frío
que a soedade berra co medo
e xuntos conxelan o mar.

Atravesas chairas
nas que o tren é un foraxido
e as altaneiras casetas de madeira
nin te saúdan.

Rúas espidas de xente,
o canso gris no ceo,
nos edificios calados,
contaminando os días
que non fuxen do reloxo,
e fame de luz
entre as tellas da morriña,
de apertas,
e de camiños coñecidos.