jueves, 28 de noviembre de 2019

DA TÚA ESTADÍA NO NORTE II


Maxina
a túa cabeciña
como o facía a miña,
entre centos de ringleiras,
de almas aldraxadas.
Cae o ceo
coma chumbo,
todo ten un lixeiro
sabor nauseabundo a nada,
case o axeitado,
para seguir a fuxir.
Preto de todo
e de ningures,
nesta longa viaxe
que se alonga
coma unha fraca sombra no solpor,
da túa, da nosa,
cámara
ata o de agora desafeita
a tanta realidade.
Pero non esmorezas,
e brinca por esas rúas
cheas de leccións de vida,
nas que se segue a reconstruir a historia.
Namentres
saloucan por ti as areas da túa Praia,
e algúns
só desexamos comprobar,
que segue intacto,
o belo latexo do teu sorriso.

jueves, 24 de octubre de 2019

DA TÚA ESTADÍA NO NORTE

Marchaches un outono
alí onde vai tanto frío
que a soedade berra co medo
e xuntos conxelan o mar.

Atravesas chairas
nas que o tren é un foraxido
e as altaneiras casetas de madeira
nin te saúdan.

Rúas espidas de xente,
o canso gris no ceo,
nos edificios calados,
contaminando os días
que non fuxen do reloxo,
e fame de luz
entre as tellas da morriña,
de apertas,
e de camiños coñecidos.