viernes, 29 de abril de 2016

QUE VEN A PRIMA VERA


Teño novas,
despois de tanta espera,
disque ven a prima,
unha tempada de visita,
disque ven a prima Vera,
que ven de visitala Arxentina,
disque ven cruzando o mar,
nun barco xigante,
tirado polas chuponas,
que capturou cando volvían do Sargazos.

Disque trae con ela,
sementes boas para a colleita,
disque ven todos os anos,
para abrir o ceo e traer os paxaros,
seica de polisón a bordo,
tamén ven Cupido,
e que nadie o pode ver,
a pesar de non estar escondido.

jueves, 21 de abril de 2016

NOITE DE PRIMAVERA

Embéxanme hoxe,
tódalas persoas que me ollan,
coa miña mirada brincadeira,
e co meu fermoso sorriso aberto,
reparto pétalos de flores,
que con relucentes cores
visten de luz as caras dos peóns.

Troquei o longo sono da desesperanza,
polo ánimo esperto do debezo,
e alistado nas miñas ringleiras,
zorrega o sol,
e as estrelas da noite lumieiras,
coas que converso,
na inmensidade espectral da soidade,
e coas que entre leria e leria, confeso,
que unha noite de primavera cuspidiña a esta,
co bico enfeitizado dunha fada,
sí, … soñei, soñei que me namoraba.